O portavoz do Partido Popular no concello de Zas, pensa que estes primeiros meses de lexislatura foron “máis do mesmo” cu equipo de goberno do BNG caracterizado “por empezar moi calmados e moi amodiño para volcarse nos últimos seis ou oito meses de lexislatura”.
Para David Gómez “van a ralentí e penso que esa non é a maneira de gobernar un concello”. Pon como exemplo que “non se aproban os orzamentos todos os anos, que son unha ferramenta fundamental”.
Solo industrial e servizos básicos
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, o portavoz popular expresou o seu convencemento de que “en Zas estamos quedando moi atrás con respecto a outros concellos, en infraestruturas ou en servizos básicos. Por exemplo Baio e Zas están perdendo vida, pechando negocios”.
Gómez Brandariz considera “un aspecto moi importante” dotar o concello de solo industrial, e tamén mellorar a rede de abastecementos e saneamentos “que teñen bastantes deficiencias e hai moitas queixas”.
Outra necesidade é a mellora das vías de comunicación “na parte máis rural do concello, porque hai estradas en Muíño, Brandomil ou Meanos que están en mal estado”.
Resposta ás críticas do PSOE
Sobre as críticas da portavoz do PSOE, Sheila Rial, sobre a inacción do PP local, Gómez respondeu:”A actual portavoz do PSOE ten unha perspectiva de só seis meses porque ata o de agora estivo máis preocupada da vida municipal de Vimianzo que da de Zas”.
Sinalou que o PP “está aportando en todos os plenos e estamos empezando a lexislatura”.
Agarda unha nova maioría absoluta do PP na Xunta e malia que “hai que traballar”, contrapuxo unha opción “mellor, máis seria que o está facendo ben” liderada por Alfonso Rueda diante dunha oposición que “vende máis fume que outra cousa”.
Por certo, na candidatura do PPdeG, vai como suplente Noelia Santos Pose de Zas.