“Cobramos poucos impostos porque dan as contas. Era un santo e seña do anterior alcalde. Para que gravar ós veciños se o pode asumir o concello?. E ademais ofrecemos infinidade de actividades e todas gratuítas”.
Esta reflexión pode sorprender, pero procede dun alcalde da comarca, o de Dumbría, o socialista Raúl González Lado que falou en Radio Xallas. Máis cando en diferentes concellos están apostando pola suba de tributos. “Aquí por exemplo, no I.B.I. estamos no mínimo por lei” engade.
Podes escoitar a entrevista nesta Podcast, a partir do minuto 61.
“Somos a envexa dos concellos da volta”
“Somos a envexa dos concellos da volta. Temos poucos sitios con baches e optamos polo aglomerado, queremos boas vías de comunicación”.
González ten continuos eloxios para o anterior alcalde José Manuel Pequeño “un mestre” pero agora é a súa etapa:”Teño ideas parecidas pero non as mesmas”.
Lembra que no concello de Dumbría “temos cinco bibliotecas funcionando e conectadas en rede, nun concello de 3.000 habitantes”. Un concello rural só superado polo de Oleiros que ten seis. E con diferentes cursos e obradoiros.
Raúl ten moita experiencia política pero algo sempre cambia:” Antes tiña 24 horas de dedicación. Agora teño as mesmas horas pero tamén teño axenda. Estou encantado e adaptándome. Agora toca pelexar coas administracións. Pero non hai mellor cousa que ser alcalde do teu concello”.
Fomento do Emprego en Dumbría
Fai uns días o concello de Dumbría aprobada sen ningún voto en contra os orzamentos máis altos da súa historia. Para o mandatario o “plan estrela” e o do fomento de emprego, dotado con 500.000 euros.
Despois de ter que renunciar ao tradicional Plan de Emprego polas esixencia da reforma laboral, canalizarase a contratación de 60 persoas a través do Plan PEL da Deputación, para limpeza de núcleos de poboación, zonas axardinadas, praia do Ézaro con Bandeira Azul, etc…
Para investimentos hai 610.000 euros, malia que hai que facer fronte a urxencias como as deficiencias na pasarela do Ézaro ou un muro en Martín (Buxantes).
Prioridade: “Punto de Atención á Infancia”
A máxima prioridade para o goberno local de Dumbría é a de contar cun “Punto de Atención á Infancia” que agardan que poida ser unha realidade este ano.
Nunha entrevista no programa Na Encrucillada de Radio Xallas, o rexedor tamén se referiu ao potencial do Vákner que débese aproveitar co tirón do Camiño Xacobeo.