Trala recente apertura do poboado de Nadal da Praza do Concello e do acendido da iluminación de Nadal, o Concello presenta agora a programación cultural municipal que se vai realizar durante as Festas. Como cada ano, os obxectivos fundamentais son fomentar o espírito do Nadal entre a veciñanza e ofrecer propostas de ocio con especial atención ao público infantil, xuvenil e familiar para facilitar a conciliación.
Como é tradicional na Laracha, a primeira actividade irá dirixida aos colexios. Os días 18, 19 e 20 de decembro realizarase na Casa da Cultura o festival de teatro infantil en horario lectivo. Educa Teatro porá en escena O mundo máxico de Pinocho, una adaptación ao teatro musical do clásico conto infantil. Cada un deses tres días haberá dous pases, seis en total, que principiarán ás 10:00 e ás 12:00 horas. Asistirán máis de 800 alumnos dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión.
Nadal A Laracha
O sábado 23 de decembro Papá Noel visitará o poboado da Praza do Concello de 11:30 a 13:30 h pola mañá e de 17:00 a 19:30 h pola tarde.
O día 27 ofrécese o concerto infantil C@nto contigo, no que Paco Nogueiras fará un percorrido polas súas cancións máis destacadas no que os asistentes poderán participar activamente bailando ou facendo o acompañamento coa voz, as palmas e os acenos. Será no centro sociocultural de Paiosaco ás 17:30 h.
Na xornada seguinte, o xoves 28 tamén ás 17:30 h, Pablísimo chegará ao centro sociocomunitario de Caión co seu espectáculo infantil-familiar Cabicivai, que combina o teatro, a narración oral e a animación á lectura.
O venres 29 será a quenda para A maxia do Nadal, espectáculo a cargo do Mago Paco na Casa da Cultura a partir das 17:30 horas.
Actividades con inscrición requirida
O martes ás 9:00 horas abrirase a inscrición nas dúas actividades infantís e xuvenís nas que se require a reserva ao ser as prazas limitadas. Poderase facer de xeito gratuíto cubrindo o formulario en liña a través da web e redes sociais municipais, ou ben acudindo ao Concello.
Unha delas é o obradoiro de cociña de Nadal no que os participantes aprenderán a elaborar turrón, galletas e cocadas. Realizarase na Casa da Cultura en tres días diferentes con dúas quendas en cada un deles, seis en total. Serán o 26 de decembro (alumnado de primaria, de 16:00 a 18:00 e de 18:00 a 20:00 h), 2 de xaneiro (alumnado de infantil, de 10:00 a 12:00 h e de 12:00 a 14:00 h) e 3 de xaneiro (alumnado de primaria, de 10:00 a 12:00 h e de 12:00 a 14:00 h).
Para o público xuvenil (maiores de 12 anos) van dirixidas as saídas ao escape room Clue Hunter da Coruña dos días 2 e 3 de xaneiro (a partir das 15:45 horas). En cada xornada haberá tres grupos que participarán en aventuras diferentes adaptadas ás súas idades.
Concursos de Nadal
Permanece aberto o prazo de inscrición nos concursos de Nadal convocados polo Concello. Os formularios están dispoñibles na web alaracha.gal.
A novidade deste ano é o de fachadas, balcóns e xardíns particulares que sexan visibles desde o exterior. Convídase a participar a todas as vivendas das trece parroquias do termo municipal que conten con espazos desas características e vaian ser decorados nas Festas. Repartiranse 1.200 euros en premios.
O concurso de escaparates alcanza a súa 28º edición. Neste caso pode inscribirse calquera tipo de establecemento do termo municipal que dispoña de escaparate exterior. A dotación económica dos premios é de 1.800 euros.
O certame de panxoliñas “María Angeriz Tuset” terá lugar o sábado 30 de decembro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha e vai dirixido ás asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio.
E no caso do concurso de postais dirixido ao alumnado de primaria dos colexios do municipio, o venres 15 a partir das 11:00 horas realizarase na biblioteca da Laracha a cualificación por parte do xurado composto por técnicos municipais e representantes de cada centro de ensino.
Cabalgata dos Reis Magos
A cabalgata dos Reis Magos pechará as Festas do Nadal e tamén o programa de actividades do Concello. Do mesmo xeito que nos últimos anos, realizarase un percorrido polas trece parroquias do municipio os días 4 e 5 de xaneiro.
O día 5, trala cabalgata, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao pavillón do IES Agra de Leborís, onde os nenos están convidados a agardar polas Súas Maxestades desfrutando dunha festa infantil.