Iago Toba:“Sería fácil, rápido e efectivo facer unha suba dos impostos despois dunhas eleccións municipais, pero consideramos que o fácil, neste caso, é inxusto coa situación que viven moitas familias”.
O goberno local socialista de Muxía anuncia que nas vindeiras semanas presentará uns orzamentos con “subida cero de impostos” co obxectivo de “protexer e economía das familias”.
Desde o executivo que preside Iago Toba sinalan que unha das prioridades para o vindeiro ano é non acentuar máis esa merma económica familiar ante “a actual situación socioeconómica e a suba de prezos xeral”.
Outro dos datos que avanzan é que se destinarán máis de 500.000 euros para servizos de axuda é dependencia “para licitar un servizo fundamental”.
«Financiación alternativa circunstancial»
O alcalde, Iago Toba, destacou que “hai fórmulas para non repecutir esta suba xeral do nivel de vida directamente no veciño ou veciña, sobre todo en situacións como as que agora circunstancialmente vivimos. Este goberno propón axustar gastos, combinalo con ingresos fixos doutras administracións e sobre todo non mermar servizos”.
Engade que “sería fácil, rápido e efectivo facer unha suba dos impostos despois dunhas eleccións municipais, pero consideramos que o fácil, neste caso, é inxusto coa situación que viven as familias. Podendo buscar a administración local unha financiación alternativa circunstancial, preferimos recurrir a esta tese”.
O grupo de goberno trasladou esta proposta á oposición na mesa de traballo realizada, que continuará nos vindeiros días, para chegar ao maior consenso posible e sumar apoios nas contas e na proposta que se presentarán en pleno. «A premisa innegociable é que non haxa suba de impostos municipais», destacan desde o executivo.