Catro membros dunha familia, evacuados con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono en Malpica de Bergantiños
Fonte- AXEGA 112 – Foto- Arquivo
Dous adultos e dous menores foron evacuados esta mañá con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.
Todo sucedeu pasados cinco minutos das 06 horas da mañá, no domicilio situado na Rúa do Tío Paz, en Malpica de Bergantiños (A Coruña). Segundo informaba un familiar que contactou co 112 Galicia, unha das afectadas púxose en contacto con ela para informarlle do malestar da súa familia e para solicitarlle asistencia sanitaria.
Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia, informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Bergantiños, os cales tiveron que forzar a porta para acceder ao domicilio, aos membros do GES de Ponteceso, á Garda Civil e a Protección Civil de Malpica.
Con todo, a familia de catro membros presentaba un cadro médico compatible cunha intoxicación por monóxido de carbono, polo que foron trasladadas ao Hospital Universitario de A Coruña e ao Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera.