Como vén sendo habitual o BNG anunciou a presentación de emendas ós orzamentos da Xunta:“O BNG anunciará esta semana as emendas aos orzamentos para defender a Costa da Morte, para defender os servizos públicos e para que se remate dunha vez por todas a autovía a Berdoias” declarou o responsable comarcal Xurxo Rodríguez Baña.
Segundo os nacionalistas “ O PP está nervioso polas eleccións do vindeiro ano, por iso non se cansa de prometer e prometer, mais a realidade é que vende fume, porque levamos 14 anos de goberno do PP e non hai avances no desenvolvemento da comarca, nin en infraestruturas, nin en servizos”.
«Sae caro vivir na Costa da Morte»
Critican que non se avance na execución da Vía de alta capacidade Carballo- Berdoias e tamén lamentan que se sigan destinando fondos o saneamento de ría de Corcubión sen concrecións, ou a falta de partidas para o centro de saúde de Fisterra.
“Dende o BNG pedímoslle á Xunta de Galiza e ao Partido Popular que deixen de enganar e mentir cos cartos que prometen para a nosa comarca, porque a realidade nos di que non executan nin o 10% do orzamentado” afirma Xurxo Rodríguez que sostén que “con este PP sae caro vivir na Costa da Morte, porque pagando os mesmos impostos que o restos dos galegos temos menos servizos, e para obter algún na Coruña ou Santiago, aínda temos que pagar peaxes e combustible”.