Na sesión extraordinaria do Pleno celebrada hoxe acordouse modificar as ordenanzas fiscais reguladoras dos impostos sobre bens inmobles (IBI), vehículos de tracción mecánica (IVTM) e actividades económica (IAE), e a da taxa de recollida de lixo, cambios que entrarán en vigor co inicio do ano 2024.
O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que a actualización que se leva a cabo faise porque “todos os indicios apuntan a que desde 2025 non se poderán empregar os remanentes por esixencia de Europa ante o déficit acumulado do Estado”, o que suporá que “os concellos paguen os pratos rotos” nun contexto económico “difícil” para as entidades locais. O rexedor explicou que a adaptación dos tributos faise para “ser consecuentes cos incrementos nos custes dos servizos e do mantemento das infraestruturas municipais”.
A media da comarca nun 0,51%
En relación ao IBI, o gravame establecerase no 0,44 %, (anteriormente estaba no mínimo permitido por lei do 0,40 %), manténdose como o menor tipo da comarca e sensiblemente por debaixo da media de Bergantiños e Costa da Morte (0,51 %).
Consérvanse as bonificacións para familias numerosas e inmobles con actividades económicas declaradas de interese ou utilidade municipal, e queda regulada por primeira vez para vivendas de protección oficial.
IVTM
En canto ao IVTM, ata o de agora existía un coeficiente único do 1,20 que pasará a ser progresivo dun mínimo do 1,25 e un máximo de 1,40 para vehículos que superen os 20 cabalos fiscais.
O alcalde explicou que nos tres primeiros tramos, os que afectan ao 65 % do padrón municipal de vehículos, os incrementos serán de 0,63 euros ao ano para os que teñan menos de 8 cabalos fiscais, 1,70 euros para os de 8 a 12 e de 7,19 euros para os de 12 a 16.
Mantéñense as bonificacións aplicables a vehículos históricos e a aqueles con motores que non presentan incidencias sobre o medio ambiente, incluíndo por primeira vez os que empregan gas licuado de petróleo (GLP).
En relación á taxa do lixo, López Varela apuntou que o servizo de recollida, transporte e tratamento na planta de Sogama dos residuos sólidos urbanos presenta “un déficit moi importante” porque o recadado cubre unicamente o 57 % cando debería autofinanciarse. O cambio na ordenanza permitirá alcanzar unicamente o 70 % do desembolso que supón para o Concello, incluíndo os gastos da xestión do punto limpo, a recollida domiciliaria de voluminosos, a implantación do contedor marrón de orgánicos e o programa de compostaxe doméstica no rural. Tamén quedan establecidos dous novos tramos para adaptar as tarifas aos establecementos comerciais que presentan unha maior superficie.
Voto en contra de PSOE e BNG
Estas tres ordenanzas foron aprobadas cos votos en contra dos grupos municipais do PSOE e do BNG.
Os tres grupos municipais mostraron apoio unánime ao cambio na normativa fiscal municipal reguladora do IAE, en virtude do cal será creada unha categoría fiscal específica por ubicación das empresas.
Fonte- concello da Laracha

