O BNG de Muxía presentou unha moción para que se “someta urxentemente a licitación o Servizo de Axuda no Fogar”.
Os nacionalistas explican que “o Servizo de Axuda no Fogar do concello de Muxía está a ser prestado por unha empresa privada con empregadas/os que perciben unha exigua remuneración bruta media, inferior aos 1200 €uros mensuais”.
Ademais sinalan que este ano producíronse varios atrasos no pago das nóminas das traballadoras. E que coa mediación do sindicato CIG “chegouse a un acordo escrito entre a empresa, as empregadas/os e o concello. Neste recollese que a empresa adiantará como máximo un mes de nóminas ao persoal no caso de que o concello non abone as facturas correspondentes ao mes a tempo”.
Críticas ao goberno local
Indican que o goberno local do PSOE “non trouxo ao pleno en xullo a modificación de crédito precisa para xestionar os pagos do SAF. Tampouco en agosto. Esperaron ao pleno ordinario do 21 de setembro para presentala”.
Isto prexudicou ao persoal do SAF. Consideran que é “insostible” continuar sen orzamentos e sen licitar o servizo e propoñen os seguintes acordos:
- Que se someta a licitación á maior brevidade o servizo do SAF.
- No prego de licitación ademais das condicións do servizo, que se establezan claramente as condicións económico-financeiras que deberán acreditar as empresas para poder afrontar con garantías os pagos ao persoal.
- Que se contemplen no prego de licitación as condicións que marcarán a relación entre empresa-traballadoras/es encargados do servizo, con referencia explícita á derrogación do contrato en caso de retraso inxustificado.

