O BNG de Muxía pide ao goberno local socialista que preside Iago Toba “que se realicen os repintados dos pasos de peóns anexos ás paradas do bus escolar”.
Aseguran que hai queixas que xa foron trasladadas ó executivo local con “algúns destes pasos desaparecidos pola falta de mantemento”. Denuncian a situación dos pasos da parada de Quintáns, Sorna, Mintiráns ou de Senande entre outros.
Para o BNG “a resposta dada polo rexedor municipal de que as estradas non son de titularidade municipal non é de recibo, toda vez que é o concello quen se debe de encargar de trasladar a problemática aos entes autonómico e provincial correspondentes e urxilos na aplicación de medidas efectivas para a protección dos peóns, neste caso maioritariamente nenos e nenas”.
Reparación de marquesiñas en Muxía
A través da súa portavoz, Mercé Barrientos, tamén instan ao goberno muxián “ a que se axilice a reparación e substitución das marquesiñas”. Lembran que foi unha proposta do BNG aprobada en pleno.
“Como dixemos en xullo que sucedería, o outono comezou e os escolares seguen sen marquesiñas dignas e que os amparen cando cheguen as chuvias” lamentan.


