O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía anuncia a presentación dunha moción para o próximo pleno ordinario de setembro na que se “poñen enriba da mesa os problemas de seguridade viaria que existen no Concello de Muxía”.
Segundo os populares a moción, que xa foi rexistrada, fala concretamente de “dous puntos negros como son o cruce de A Condomiña e o cruce da Rúa Manuel Lastres coa Rúa Real nos que cada dous por tres se producen incidentes, de feito, recentemente houbo incidencias en ámbolos dous cruces”.
Segundo comenta a portavoz popular Sandra Vilela “xa denunciamos esta situación en distintas ocasións na lexislatura pasada e os accidentes seguen sucedéndose sen que se tome ningunha medida ao respecto e cremos que esta situación é grave e hai que resolvela de xeito inminente antes de que teñamos que lamentar danos persoais graves”.
Moción do PP de Muxía
Mediante esta moción os populares solicitan que se realice un estudo por parte dos departamentos pertinentes do Concello de Muxía (Policía Local, Arquitecto Técnico…) “para que informen acerca de cales son as medidas máis eficaces que se deben levar a cabo para solucionar a problemática e unha vez se teña coñecemento das mesas, estas se leven a cabo de xeito inmediato».
Esta fin de semana Vilela participaba nunha entrevista na nosa canle de Youtube