«O Goberno renunciou a facer o orzamento de 2023 e segue dando normalidade á súa mala xestión» sinalan os populares.
A través da conta de Facebook @ppdecamarinas, O Partido Popular de Camariñas expresou o seu malestar polo feito de que o goberno local socialista non elaborara os orzamentos deste ano 2023, o que para os populares é unha mostra de “ falta de planificación e a mala xestión”.
Camariñas cos orzamentos prorrogados
A portavoz do PP, Paula Mouzo Mas declarou:»Non entendo como tendo maioría absoluta, e varias dedicacións exclusivas non fixeron un presuposto para este ano. Non vexo cal é a excusa e non entendo como lles parece normal esta situación. Un concello ten que ter un presuposto anual».
Fixo estas declaracións despois do pleno extraordinario celebrado o luns. Para os populares “neste pleno volveuse a levar un recoñecemento extraxudicial de crédito, (o octavo deste ano), un suplemento e outros recursos que son consecuencia de non ter uns orzamentos aprobados».
Para o Partido Popular de Camariñas é evidente que «unha vez máis, o PSOE de Camariñas non fixo os deberes».
Plan de subvencións
Con respecto ao Plan estratéxico de Subvencións, o Partido Popular votou en contra despois de presentar unha proposta alternativa:
«Nós propoñemos que este plan quede sobre a mesa e se organice unha xuntanza coas asociacións e os partidos políticos para recoller as súas inquedanzas. Supoño que coa opinión de todos podemos facer un plan máis útil, representativo e completo. Estamos a favor das actividades e das festas, pero queremos que as asociacións sexan protagonistas e se escoiten as súas peticións e ideas» declarou Paula Mouzo.