O delegado do goberno, Pedro Blanco, visitou o concello de Santa Comba, onde supervisou actuacións do executivo central neste concello. Uns investimentos que Blanco cifrou en “máis de dous millóns de euros”.
Luminarias e Turismo
Blanco referiuse á substitución de luminarias cun investimento de “algo máis de 900.000 euros” ou a inclusión de Santa Comba no Plan de Sustentabilidade Turística Terras de Santiago “que cun investimento de 1,3 millóns de euros promove actuacións que buscan potenciar os mercados gastronómicos locais, crear e difundir novos formatos de turismo gastronómico na comarca”.
Internet e outras axudas
O delegado, acompañado polo alcalde Alberto Romar e outros membros do seu goberno, tamén destacou o plan de banda ancha promovido e que en Santa Comba permite dotar de conexión de internet de alta velocidade a máis de 700 fogares.
Ademais sinalou que o concello xalleiro recibiu 7.074 euros para un programa de compostaxe doméstica e 13.786 do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. E citou as axudas da PAC e as concedidas para facer fronte a seca e a guerra de Ucraína “que suman preto de 95 millóns de euros para os produtores leiteiros en Galicia”.
Para Pedro Blanco “por primeira vez un goberno inviste en todos e cada un dos concellos de Galicia”.