O concello de Mazaricos informou que no término municipal haberá unha cuarta Casa do Maior antes de que remate o 2023.
A cuarta Casa do Maior no concello
Esta nova Casa do Maior estará localizada na Picota e contará con cinco prazas. Súmase ás que xa existen na Picota, Alborés e Suevos.
Lembran desde o concello que “as Casas do Maior funcionan como pequenos centros de día que en municipios como Mazaricos, que conta cun importante volume de poboación de idade avanzada e xeograficamente dispersa, garanten que esa veciñanza dispoña de servizos dignos independentemente do seu lugar de residencia”.
Servizos Sociais en Mazaricos
A concelleira de Servizos Sociais, Sandra Alvite, valorou moi positivamente a concesión dunha cuarta Casa do Maior mazaricá. «É un paso importante na estratexia de extensión do acceso a servizos que levamos a cabo durante os últimos anos, e chega para dar resposta ás demandas dun sector da poboación con necesidades moi concretas como son as persoas maiores», explicou.
A edil salientou como nos últimos anos Mazaricos desenvolveu un completo abano de servizos orientados para as persoas maiores.
Indicou que o Servizo de Axuda no Fogar de Mazaricos presta 2587 horas de servizo e tamén se copnta con servizos municipais de estimulación cognitiva a domicilio, así como rehabilitación física. Do mesmo modo, oferta un servizo de asesoramento postural para as persoas coidadoras, e outro de transporte para as persoas maiores e dependentes.
Un dos máis ambiciosos proxectos actualmente en desenvolvemento é a residencia de maiores de Pino de Val. Este centro, que se prevé que estea operativo en 2024, ofertará 50 prazas nun complexo de 1.300 metros cadrados con 5.600 de parcela. A previsión do Concello é que este centro conte con condicións de acceso favorables para a veciñanza de Mazaricos, incluíndo un prezo reducido.