Primeiro pleno ordinario da nova lexislatura e continúa a tónica da sesión de organización, con fortes ataques verbais.
Alberto Romar segue dando conta da chegada de facturas e do aumento da débeda, que xa fixa nun 3,3 millóns de euros e María Pose (PP) defende a súa xestión:”Non son débedas, son obras necesarias para os veciños de Santa Comba. Non é esa catástrofe que dí vostede”.
O pleno aprobou, cos votos socialistas e a abstención do PP, a compatibilidade do alcalde, que se ausentou nese punto, coa súa dedicación exclusiva e poder “seguir minimamente” a súa empresa e “supervisar facturas” da mesma.
María Pose asegura que hai “unha contradición” entre o seu discurso electoral e agora:”Dixo que se ía a dedicar exclusivamente ao concello pero mentiu ou cambiou de opinión”. Con todo isto aos populares parécelles “lóxico” que manteña a súa actividade profesional dalgunha maneira.
“Isto non afecta ao seu traballo non concello nin modifica ou seu horario de alcalde” apuntou Noelia Baleato(PSOE). Algo que reafirmou a edila Patricia Val(PSOE): “É unha supervisión dunha marca”.
A corporación ratificou, por unanimidade, dous decretos do anterior goberno para a petición, xunto cos concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra de dous “Obradoiros de Emprego”. Un denominado “Constrúe en verde” e outro “Xuventude 2023”.
Romar insiste no «gasto desmesurado» do PP
Tamén se aprobou a participación na segunda fase do POS+ Adicional para financiamento de gastos correntes. Alberto Romar apoiou que neste plan se destinen uns 404.000 euros a pavimentacións na parroquia de Freixeiro, pero con respecto aos 353.229 euros para gasto corrente, lamentou que sigan “chegando facturas” como consecuencia do “gasto desmesurado nestes últimos meses”.
Na quenda de decretos, a popular Pose Rodríguez, enumerou unha relación de obras que se realizaron durante o seu mandato en diferentes parroquias.
A parte final estivo cargada de críticas cruzadas. Os rogos e preguntas convertéronse nun debate sobre a situación económica do concello.
O PP fala de «política destrutiva»
A portavoz do PP acusou ó alcalde de beneficiar a amizades:”Para as obras dos amigos ten cartos”, e de usar unha “política destrutiva” contra a súa persoa. Manifestou que a situación económica non era tan grave cando os traballadores cobraban e estábanse realizando pagos.
Romar reprochou que baixo o mandato do PP “Santa Comba era a vergoña dos 93 concellos da provincia”.
Puxo como exemplo a recollida de lixo, “un servizo que temos ilegal” ou as continuas chamadas de acredores ao concello. “Levas once anos mentindo en política e non fixeches absolutamente nada” apuntou. “Non foi a mellor xestión e por iso estás na oposición”.
Sobre a obra na rúa Carmen Santiso explicou:“Moita xente pinchou rodas e non paraban de chamar. Esa pista valeu 1.060 euros e tivo que facerse de urxencia”.
Para o mandatario “favor de amigos era facer obras privadas como facían antes”. Son algúns exemplos do pulso dialéctico que se pode observar no seguinte vídeo.