O concello de Santa Comba presentou un recurso de alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais na que se concede a autorización administrativa de construción do citado parque que afecta a localidade de Barbeira, en Santa Comba e a zonas dos concellos de Mazaricos e Negreira, promovido por Green Capital Power.
O concello pide tamén que se estime parcialmente o recurso e se revoguen as autorizacións dos dous aeroxeradores previstos en Barbeira “ben mediante a súa supresión, ben mediante a obriga de modificar o seu emprazamento de conformidade co disposto nas alegacións”.
Unhas alegacións que explicaron os concelleiros de Turismo, Noelia Baleato, e de Medio Ambiente, Carlos Turnes, en Radio Xallas o pasado venres, acompañados polo dinamizador turístico municipal, José Manuel Vázquez.
Hai unha que xa ten xursiprudencia e foi estimada polo TSXG en relación a outros proxectos, o fraccionamento “en fraude de lei”, de varios parques que comparten a mesma liña de evacuación con outros parques.
E tamén se expón que se localiza nunha zona de máxima sesnibilidade ambiental, incúmprense coas distancias respecto dos núcleos de poboación, e existe unha afección sobre os recursos turísticos, os elementos patrimoniais e ao Camiño de Santiago.O Castro de Cornado, o Castro de Barbeira e varias mámoas están documentados.
Desde o concello denuncian a omisión da existencia do Heliporto de loita contra incendios de A Lomba, en Fontecada. E recóllese a incidencia que o proxecto Alvite II tería sobre a paisaxe, os recursos hídricos e sobre especies como por exemplo o lobo ou tamén as propias vacas e as explotacións gandeiras que veríanse especialmente afectadas.
Desde o goberno local confirmaron que están estudiando posibles alegacións contra o proxecto “Varilongo” que pretende instalar un único aeroxerador nesta zona de histórica actividade mineira.