O Bloque Nacionalista Galego traslada ao Parlamento a súa preocupación pola falta de caudal ecolóxico no treito final do río Xallas e na Fervenza do Ézaro, que se rexistrou os pasados 14 de xuño e 3 de xullo.
Segundo lembran desde o BNG, hai informacións que sinalan que isto debeuse a “intereses especulativos” da concesionaria do encoro de Santa Uxía “que supostamente retivo a auga para sacar maiores réditos coas oscilacións do prezo da electricidade”
Mediante unha proposición non de lei, presentada polos deputados Daniel Pérez e Luis Bará, piden a apertura dun procedemento administrativo , e se procede, un expediente sancionador “ logo da situación anómala de falta de caudal ecolóxico no treito final do río Xallas e na fervenza do Ézaro”.
Piden ademais información transparente ao respecto, por parte da Xunta de Galicia “sobre as causas desta situación irregular e as medidas adoptadas polo goberno galego”.
Os nacionalistas tamén presentaron varias preguntas na Mesa do Parlamento para saber sobre as accións adoptadas polo goberno galego.
FOTO- DAVID TRILLO GALLEGO