O concello de Muxía celebrou un pleno de organización onde non saíron adiante as tres dedicacións propostas polo executivo local socialista, para o alcalde Iago Toba (42.420 euros brutos anuais en 14 pagas) e para os concelleiros Olalla Benlloch e Javier Romar (25.200 euros brutos anuais en 14 pagas cada un).
Quedou en evidencia a situación de minoría do PSOE. A oposición pide negociar previamente eses salarios e buscar un consenso con vistas ó vindeiro pleno.
O mandatario Iago Toba sinalou que “son dedicacións con importes dos máis baixos da Costa da Morte, tanto o do alcalde como os dos concelleiros, polo que deducimos que este movemento da oposición non responde a cuestións salariais ou económicas”.
Estrutura do goberno
O alcalde, Iago Toba, asumirá as competencias das áreas de Persoal, Turismo e Emprego.
Olalla Benlloch, primeira tenente alcalde e concelleira de Cultura, Educación e Igualdade.
Javier Romar, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Parroquias, Medio Rural e Seguridade.
Patricia Domínguez, concelleiro de Servizos Sociais, Asesoramento ao cidadán e Consumo.
Felipe Vilela, concelleiro de Deportes, Xuventude e Asociacionismo.
Coa abstención do BNG e o voto a favor do resto dos grupos aprobouse o réxime de indemnizacións por asistencias aos órganos colexiados que non teñan atribuída dedicación parcial ou exclusiva.
Serán 60 euros por asistencia ás sesións plenarias, 50 por asistencia ás sesións da Comisión Informativa de Asuntos Xerais e da Comisión Especial de Contas e 30 por asistencia aos órganos colexiados.
As sesións ordinarias do Pleno celebraranse con carácter bimestral o último xoves de cada mes impar do ano, as 20:30 horas, no Salón de sesións da Casa do Concello de Muxía.
No pleno, a periodicidade foi apoiada por unanimidade. A confección dos órganos colexiados foi aprobada cos votos da favor dos socialistas e coa abstención do popular e os votos en contra de independentes e BNG. Por último, aprobouse por unanimidade a creación das comisións informativas, sendo 3 para o PSOE, 2 para o PP, 1 para Independentes por Muxía e 1 para o BNG.