O concello de Camariñas celebrou un pleno de organización, onde se aprobaron as adicacións do equipo de goberno que suman 96.250 euros anuais para tres adicacións exclusivas e unha parcial.
A alcaldesa Sandra Insua percibirá un total de 35.683 euros, os concelleiros Sergio Caamaño e Encarna Liñeiro, 22.449 euros cada un e a edila Begoña Tajes, uns 15.714 euros.
A alcaldesa xustificou o traballo dos membros do goberno e sinalou que coa maioría absoluta poderían subir os salarios “ata o máximo”, chegando en total ós 160.000 euros.
Críticas da oposición
A portavoz do PP, Paula Mouzo, manifestou que o seu grupo “non pode apoiar” uns soldos cando “non se traducen en resultados, nin xestionan, nin coidan o que temos e por riba estamos empeñados”.
Entende que “non podemos subir taxas, obrigar ós veciños a apretarse o cinturón” e o equipo de goberno “cobrar estes soldos tan xenerosos”.
Tampouco apoia a medida o BNG. Xurxo Rodríguez considera que estamos diante “dunha subida realmente excesiva” e pediu unha reducción.
Para os nacionalistas “o concello carece de rumbo, non establece ningún control de gasto e fará recaer o pago da forte débeda nas veciñas e veciños de Camariñas e na diminución de outras partidas orzamentarias”.
Competencias do pleno que asume a Xunta de Goberno
Á oposición tampouco lle convenceu a delegación de competencias do pleno en materia de contratación na Xunta de Goberno Local. Desde o goberno local explicaban que os concelleiros estarían informados pero desde o PP estiman que “Todo o que sexa reducir funcións ao pleno, pensamos que non é favorable”.
Os plenos ordinarios celebraranse con carácter bimensual, o último venres. Ás 20h. Os concelleiros percibirán 120 euros por asistencia a plenos e comisións e 80 euros por asistencia a Xunta de Goberno local. Este último está formado pola alcaldesa e os concelleiros Sergio Caamaño, Encarna Liñeiro, Fabián Canosa e Begoña Tajes.
O primeiro tenente de alcalde é Sergio Caamaño e a segunda tenente é Encarna Liñeiro.