Soubo chegar e tamén marchar da política local dumbriesa. Sen estratexia electoral, sen especulacións e con toda humildade. Chamou ao seu despacho a Raúl González Lado e díxolle que lle cedía o testigo. Podería ter calculado unha transición ou gañar outras eleccións antes de deixar o posto. Pero quería ser sinceiro.
Estas cousas dignifican á política e fan máis grande a biografía dun neno da Ameixenda que gozaba das voltas ciclistas e conseguiu baixar as estrelas do deporte ata O Ézaro. Un home que ten vivo ese neno no interior.
Un cabaleiro que pelexou contra minifundismo instalado en moitas mentes dunha clase política pendente dos egos e dos marcos da súas leiras. Convencido que a nosa condición territorial non ten porque ser unha eiva. Que hai que facer concello, para facer comarca e para facer país. Orgullosos do que temos pero deixándose empapar pola sabedoría que impregnan as viaxes e poder inspirarse do que fan noutros sitios.
Ese é José Manuel Pequeño Castro. Curioso. Observador. Que deixa unha lección máis pechando, dun xeito nobre, un ciclo en Dumbría. Pero os vellos rockeiros nunca morren e os animais políticos nunca abandonan a súa esencia.
E Pequeño, mentres recolle libros e papeis do seu despacho de alcalde, xa ten a mirada posta noutro camiño. Ten no seu ADN a enerxía dos homes que camiñaban entre a néboa polos montes de Dumbría. Sen medo ao Vákner nin os contos de lareira que falan de seres estranos.
É unha figura que vai máis alá dunha siglas. Non sei o que fará. Cal será o próximo episodio no libro da súa vida. Pero estou seguro que calquera paso guiarase baixo a luz da sinceridade, da honradez e do interese comarcal.
GRAZAS PEQUEÑO
Algunhas claves nesta entrevista