O PP denuncia “unha chapuza do alcalde” e desde o PSOE aseguran que ata na Xunta se sorprenden das “infundadas” afirmacións de Sandra Vilela.
Este é o vídeo difundido por Sandra Vilela
Esta é a nota do Partido Popular
A candidata do Partido Popular á alcaldía de Muxía, Sandra Vilela, denunciou hoxe que a gardería municipal non cumpre coa normativa e o goberno local terá que modificar o proxecto ante mesmo de abra as súas portas.
“Estamos ante unha chapuza dun alcalde que xa fora advertido no seu momento de que a actuación non se adecuaba á lei. Temos unha gardería feita que non pode abrir, que non pode dar servicio á xente que está a esperar por ela por culpa dun executivo que volver a poñer de manifesto a súa pouca seriedade”, subliñou a popular.
Cun orzamento final de máis de 110.000 euros, Vilela puxo sobre a mesa que o rexedor “mentía” cando aseguraba ter un convenio asinado co Consorcio Galego de Benestar. “O que sabemos é que a Xunta ten os deberes feitos, que ten en licitación xa o mobiliario que necesita a gardería, pero que non valerá de nada porque o Concello de Muxía non cumpre co seu parte”, apuntou a candidata.
Neste sentido, a líder do Partido Popular en Muxía lamentou que, unha vez máis, sexan os veciños os que paguen as consecuencias da “incapacidade de xestión” dun rexedor que, en lugar de escoitar á oposición, preferiu, dixo Vilela, facer as cousas mal. “O que debería facer agora o señor Toba é dar a cara e pedir perdón”. A candidata popular aproveitou tamén para incidir en que Muxía merece “outra forma xestión e de facer política” apartada, dixo, das “mentiras, os enganos e as chapuzas”.
Esta é a nota de prensa do PSOE de Muxía
Tras o recente vídeo publicado nas redes sociais do Partido Popular de Muxía atacando o proxecto da gardería infantil, o PSdeG-PSOE de Muxía quere desmentir “as falseades expostas pola portavoz popular, Sandra Vilela, e lembrar que a Escola Infantil de Muxía permanece pechada porque a Xunta de Galicia aínda non cumpriu co seu cometido que é amoblar a instalación”.
Tras o anuncio, a Xunta de Galicia e o propio departamento encargado de realizar a inspección quedaron sorprendidos coas declaracións de Vilela e desmenten e se desentenden das acusacións da candidata popular, tal e como fixeron chegar aos socialistas de Muxía.
A instalación, que xa pasou por todos os controis e aprobacións técnicas pertinentes, recibiu o visto bo dos inspectores da Xunta de Galicia que non detectaron ningún inconveniente para pasar o PIA. Ademais, nesa visita de inspección estiveron presentes a xerente adxunta do Consorcio, técnicos da Xunta de Galicia, así como a propia inspectora, todos eles quedando satisfeitos co resultado da intervención.
Tras a publicación do vídeo dos populares, Toba quixo condenar “as infundadas e arbitrarias declaracións da portavoz popular que tan só pretende rascar un puñado de votos neste ataque desesperado e totalmente inxusto. Aproveito para instar á portavoz popular a que faga público o documento que supostamente acredite que a instalación non cumpre cos requisitos técnicos”.
Toba engadiu que “tan só falta que a Xunta acabe o proceso de licitación do mobiliario, que polo que sabemos xa están niso, tal e como nos confirmaron desde a xerencia adxunta do Consorcio no día de hoxe”.