A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu á presentación de Francisco Xabier Domínguez, Drok, como candidato á Alcaldía de Corcubión; un concello que foi un feudo do BNG durante anos.
“Todos os avances de Corcubión foron grazas ao BNG”
Non o obviou Pontón na súa intervención “Todos os avances de Corcubión foron grazas ao BNG, que volverá facer avanzar este concello con Francisco Domínguez, Drok, como alcalde”. E houbo referencias ao exalcalde Rafael Mouzo Lago.
No acto desenvolvido no Cárcere Vello, Pontón amosouse optimista:“Sei que ides a por todas nestas eleccións municipais, sen poñervos límites, que saídes a gañar, sabendo que o BNG ten proxecto, liderado e equipo para pedir a confianza dos veciños e veciñas. Desde esa confianza, estou segura, imos ter un resultado histórico en Corcubión, cun alcalde do BNG tras o 28 de maio”.
Corcubión, un concello estancado no tempo
Destacou o potencial do municipio pero lamentou o seu estancamento: “Corcubión é tamén un concello estancado no tempo, que non avanza, que leva vinte anos perdendo poboación, perdendo oportunidades e xa é hora de que Corcubión deixe de perder para empezar a ganar un futuro mellor”.
Citou a defensa do Centro de Día, unhas mellores instalacións portuarias, a necesidade de humanización da Praza de Castelao ou que Corcubión sexa “un concello de portas abertas, transparente, no que a veciñanza participe na acción do goberno, porque temos moi claro que o concello é dos veciños e das veciñas”.