Na noite do venres tivo lugar a inauguración da exposición «Homes e mulleres de sal e ferro» do fotógrafo muxiàn Xesús Búa na sala de exposicións Antón Mouzo, na Casa de Cultura de Vimianzo. O acto estivo presentado por Xan Fernández, coa presencia da alcaldesa local Mónica Rodríguez. Rafael Lema leu un dos poemas que acompañan as fotos dunha mostra que se achega ao traballo das percebeiras e percebeiros da Costa da Morte e estivo antes en Carballo e nos Azores.
Búa recordou que Rafael Lema foi o comisario da súa primeira exposición de fotos no Casino de Ponte do Porto no 1991. Esta mostra según o retratista «ten como eixo central a figura do percebeiro, buscando un diálogo íntimo e sensible co retratado».
Búa pretende «humanizar o traballo das xentes do mar amosando o seu sufrimento pero tamén a súa ledicia».
Por iso durante anos acompañou ás collas de mariscadores polas rochas máis peligrosas de Muxía, Camariñas, Corme, Barizo. Búa considérase un continuador da obra de mestres da comarca como Vidal e Caamaño, os seus referentes nesa búsqueda do traballo dos días e das horas da xente da zona. Xunto a obra documental do gran Sebastiao Salgado. O documental «La sal de la tierra» adicado polo seu fillo a Salgado nese senso acae nesta cita.
Trascribimos o poema de Rafael Lema que xunto aos de Miro Villar, Alexandre Nerium ou Rosalia Fernández Rial acompañan aos retratos.
PERCEBEIRAS EN SANTA MARIÑA. Rafael Lema
Rosa co raño apaña as unllas
na furna dos encantos
Vanesa vai enchendo a bolsa de percebes
falando coa colla sen palabras.
O mar axitado envía tombos
evitados polas sombras
abalando
amarradas polos cabos
á vida en tensión
a uns ollos en constante vixía
cara a esa mariña rede
que tanto sangue esgota.
A gamela achega á insua
onde aniñan inquedos araos
agardando o devalo do mar.
Rosa e Vanesa brincan polas rochas
arrancando escamas de salitre
á brisa que chega do Palleiro.
As ondas comezan o seu canto
cada verso leva o nome dun patrón caído
cada laio chega á praia coma un libro de derrotas.
Na marea a mañá estala
cos ventos salpresos das auroras
nun verán embalado
cara a lúa de agosto.
Elas saben que pisan os dominios
dunha deusa con fame de amenceres
onde teñen o breve permiso
da señora do mar
da rosa dos solpores
concedido ás súas fillas
mentres monstruos deformes e enormes baleas
dormen o pequeno sono das vagas
o permiso dos humanos
para andar a cabalo nos froitos do paraíso
fronteiro cos infernos.
A gamela recolle ás dúas percebeiras
e guía a proa cara Santa Mariña
onde un día según contan os vellos
os homes do norte rubiron polo tosto
e fundaron un lugar
nas ruinas do mosteiro
abandonado polos frades