Esta fin de semana(sábado e domingo) celébrase a XXIV Festa do Bolo do Pote en Mazaricos.
A festa está organizada, un ano máis, polo Concello de Mazaricos. Colaboran na organización a Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e mais o restaurante e hotel Casa Jurjo.
Sábado co Bolo do Pote
O sábado 4 terán lugar -previa reserva- xantares e ceas de cocido e bolos do pote nos distintos locais participantes. Os establecementos deste ano son O Verxel, Restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Pizzería Pinocchio, Asador Manduca, Campamento Corzón, O Curruncho dos López e Casa Pego. Ademais, colaboran a Taberna Casa Senra e mais o Café Bar Alborada. É recomendable reservar previamente en calquera dos locais. O prezo dos menús de bolo do pote, cocido, postre, viño e café será de 25 euros.
Degustación do Bolo do Pote
A festa arrinca o domingo 5 ás 13h co pasarrúas e concerto do Grupo de Gaitas de Mazaricos. A continuación terá lugar a degustación gratuíta dos bolos do pote na carpa do campo da feira, como se fixo sempre, e a degustación e xantar nos distintos locais. A partir das 15:30h terá lugar o pasarrúas pola Picota da Charanga Alambique.
O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín, sinalou que esta edición do bolo do pote será multitudinaria. «Había moita expectación polo regreso da festa e isto nótase no alto número de reservas que rexistraron dende que se anunciou esta edición nos distintos establecementos hosteleiros», indica o edil.
Outras actividades
Se o tempo o permite, instalaranse inchables para que xogue a rapazada. Será entre ass 12:30h e as 15:15h, e entre as 16:15h e as 18:30h. Ademais, e para os amantes dos coches Minis, cadrando coa festa celebrarase unha Miniquedada Bolo do pote 2023.