O candidato a alcaldía de Camariñas polo BNG, Xurxo Rodríguez, e a responsable local do BNG en Camariñas, Ana Pasantes, mantiveron un encontro co vicepresidente da Deputación da Coruña Xosé Regueira.
Nesta xuntanza trasladaron o estado “moi malo” de seguridade e mantemento da estrada DP-1601 que une Ponte do Porto con Camelle e Arou.
Unha actuación insuficiente
Valoran a actuación feita polo organismo provincial pero pensan que é “insuficiente” pois “déixanse fora do acceso peonil seguro ás casas da aldea de Camelle de Arriba e na recente licitación na zona da Ponte do Porto non chega ao lugar que se debería arranxar e mellorar a seguridade e o trazado con maior urxencia como son as curvas da Canteira, lugar onde continuamente o rego do Cuncheiro cruza a estrada chegando a imposibilitar as veces o tránsito de vehículos e onde os ciclistas, numerosos nesta zona non poden circular con seguridade”.
O BNG considera que ampliando a licitación uns 750 metros daríase resposta a estas demandas. Segundo informan os nacionalistas, Xosé Regueira “ colleu as demandas e fará eco delas nos órganos de goberno da Deputación”.