O Concello de Vimianzo adxudicou os traballos de execución dunha nova rede de saneamento en Carantoña, que terán un orzamento duns 111.000 euros con cargo ao Plan Único 2021 da Deputación da Coruña.
É a segunda vez que se licitan estas obras, tras quedar desertas nun primeiro procedemento, o que retrasou o inicio das obras.
Saneamento de Carantoña
Segundo informan desde o concello “as actuacións perseguen dotar dunha rede de saneamento municipal a algunhas vivendas que carecen da mesma no lugar de Lexas e Carantoña (Lugar de Abaixo)”.
A este respecto informan que “no lugar de Carantoña xa existe unha rede de saneamento que dá servizo á maioría de vivendas do núcleo, vertendo á depuradora existente. Tamén existe outro grupo de casas, situadas ó longo da estrada que baixa desde o cemiterio ata o centro do pobo, e ao longo da estrada que baixa desde o Cruceiro ata a Igrexa, que tampouco poden evacuar os residuos á rede existente”.
Características das obras
Agora desde o Concello licitan un proxecto que contempla a execución de dúas estacións depuradoras: unha cunha capacidade total de 17.200 litros e outra de 3.950 litros.
Ademais, procederase á demolición do pavimento da área ocupada pola nova canalización, á localización das acometidas e servizos afectados e a escavación e recheo das gabias para a colocación das canalizacións. A maiores, instalaranse contedores de saneamento que funcionarán por gravidade e disporanse pozos de rexistro fabricados con tubos de formigón, material que será empregado nas arquetas de paso para as acometidas individuais de cada vivenda na rede pública.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, agradece “o compromiso da Deputación para dar saída a un proxecto que permitirá a determinados fogares de Lexas e Carantoña ter, finalmente, rede de saneamento, un servizo de primeira necesidade”, salienta.