O tempo primaveral das últimas semanas favoreceu que as avespas velutinas iniciasen o seu ciclo biolóxico anual. Por este motivo o Concello da Laracha adianta con respecto ao ano pasado o inicio a campaña de trampeo nesta época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
A campaña levarase a cabo de dous xeitos paralelos co propósito de optimizar os resultados. A fase inicial consiste na colocación, a cargo dunha empresa especializada no control de pragas, dun centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en zonas verdes, parques e prazas de titularidade pública.
Ademais, faise un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía. Desde a segunda quincena de marzo poderanse solicitar de balde no Concello tanto trampas como líquido atraínte.
O Concello lembra a importancia de centrar os esforzos neste momento do ano, xa que a captura de cada raíña impedirá a formación dun niño primario no que poden criarse ata tres mil nespras.
Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia e que a empresa pública Tragsa poida proceder á súa eliminación.
Nota concello da Laracha