Mazaricos recupera este ano a súa tradicional Festa do Bolo do Pote retomando o formato tradicional deste evento emblemático. Así, a vixésimo cuarta edición da festa, que terá lugar na fin de semana do 4 e 5 de marzo, incluirá tanto degustación do bolo do pote na carpa do campo da feira como degustacións e xantares nos distintos locais hosteleiros de Mazaricos.
A festa está organizada, un ano máis polo Concello de Mazaricos. Colaboran na organización a Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e mais o restaurante e hotel Casa Jurjo.
A programación arrinca o sábado 4 con xantares e ceas, previa reserva, de cocido e bolos do pote nos distintos locais participantes da festa. Estes son os restaurantes O Verxel, Efe-Eme, Casa Jurjo, Pizzería Pinocchio, Asador Manduca, Campamento Corzón, O Curruncho dos López e Casa Pego. Ademais, colaboran a Taberna Casa Senra e mais o Café Bar Alborada. É recomendable reservar previamente en calquera dos locais. O prezo dos menús de bolo do pote, cocido, postre, viño e café será de 25 euros.
Domingo 5 de Marzo
O domingo 5, a festa arrincará a partir das 13h co pasarrúas e concerto do Grupo de Gaitas de Mazaricos. A continuación terá lugar a degustación gratuíta dos bolos do pote na carpa habilitada no campo da feira, como tradicionalmente, e a degustación e xantar nos distintos locais. A partir das 15:30h terá lugar o pasarrúas pola Picota da Charanga Alambique.
O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín, sinalou que esta edición do bolo do pote, despois de tres anos sen festa ou cun formato reducido desta, será «multitudinaria». «Cónstanos por parte dos locais participantes que están enchendo prazas de comedor moi rapidamente, o que demostra que había expectación por recuperar o noso gran evento gastronómico», engadiu o concelleiro, que prognosticou que a primeira fin de semana de marzo «Mazaricos vai volver presumir nun lugar destacado do mapa gastronómico galego».
Outras actividades
Se o tempo o permite, instalaranse inchables para que xogue a rapazada. Será entre ass 12:30h e as 15:15h, e entre as 16:15h e as 18:30h.
Ademais, e para os amantes dos coches Minis, cadrando coa festa celebrarase unha Miniquedada Bolo do pote 2023.
Nota Concello de Ma