É un dos referentes do Bloque Nacionalista Galego e tamén da política comarcal. Alcalde de Carballo desde 2003. Colleu o bastón de mando sendo líder da segunda forza máis votada e logrou ir aumentando sucesivamente en 9,10, 11 e 12 concelleiros, con dúas maioría absolutas consecutivas.
Agora, Evencio Ferrero Rodríguez, volve a presentarse despois de ser reelixido de xeito unánime na asemblea local do BNG.
Entre aplausos e ledicia, Ferrero destacou que o éxito do BNG é o resultado do traballo serio, intenso e rigoroso que se vén desenvolvendo no ámbito municipal.
«Seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir»
Desde o BNG aluden a experiencia do político nacionalista “e aínda que xa hai catro anos o PP intentou socavar o seu prestixio e o seu compromiso argumentando que abandonaría o cargo despois da toma de posesión, Evencio non só se mantivo, senón que concorrerá ás próximas eleccións con toda a forza que outorgan a experiencia, o afecto da cidadanía e a seguridade de que o seu equipo será, de novo, o mellor para seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir, para investir e para desfrutar”.
Este ano cumpre vinte anos como rexedor pero leva de concelleiro desde 1979.