A orla de licenciatura da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela do curso 1908-09 é unha das máis buscadas do andar do centro, xa que nela aparece o retrato dun dos alumnos célebres que acabou a carreira ese ano, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Tamén ten ilustres mestres como Ángel Gil Casares. Pero no cadro podemos encontrar a un médico e político de Ponte do Porto, Eliseo Moreira Canosa, compañeiro de estudos do rianxeiro Castelao. E dous galenos de Baio, Eulogio Astray Carballo e Ovidio Vidal; recoñecidos por Lorena de Piroga, que sacou a foto.
Eliseo Moreira, alcalde de Camariñas
Eliseo Moreira foi médico municipal e exerceu na Ponte do Porto ata o seu pasamento; pero Castelao axiña abandonou unha profesión que non lle gustaba para adicarse ao debuxo, as letras e a política. Médicos e boticarios naqueles tempos eran moi dados a política, sobre todo a municipal.
Foi o caso de Moreira, republicano conservador que foi alcalde de Camariñas ao final da Dictadura de Primo de Rivera, no bando de Blanco Rajoy; e logo primeiro líder da efímera ORGA na entrada da República.
Foi o candidato máis votado nas últimas eleccións municipais que acabaron coa monarquía, pero cómo o alcalde era elexido a dedo polo gobernador cívil (que metía a un do seu partido), foi nomeado Antonio Campos.
Torres de Cereixo
Este sistema caciquil non mudou durante toda a República, nin con dereitas nin con esquerdas, e todos os alcaldes seguiron sendo nomeados a dedo polo partido gobernante sen elección popular. Polo tanto Moreira foi o último candidato gañador dunhas municipais con voto directo, no 1931, ata a chegada da democracia.
No seu mandato leváronse a cabo importantes melloras no peirao de Camariñas, na estrada xeral; fixo a ampliación da ponte medieval de Ponte do Porto e arranxou o malecón. Era famoso por ser o dono das torres de Cereixo, mercadas ás últimas condesas de torres e vendidas polos seus herdeiros nos anos oitenta.