Este sábado celébrase en Mazaricos o II Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal en lembranza de Xosé Esperante, Che de Pedro, morto o 22 de xaneiro de 1963 a mans das forzas de seguridade mentres defendía o monte comunal nuns enfrontamentos que deixaron varios feridos e penas de prisión.
Tamén se homenaxeará a Llorenç Soler, cineasta valenciano que entre 1977 e 1978 realizou dous filmes documentais en Galicia: «A autopista, unha navallada á nosa terra» e «O monte é noso».
Segundo os organizadores “eses documentais son unha testemuña fundamental da conflitividade e as loitas na defensa da terra e contra a especulación na Galicia da Transición”.
Actos do día
A xornada arrincará ás 11h no Centro Social de Eirón, onde dará a benvida aos participantes o alcalde, Juan Blanco. Posteriormente, intervirá o presidente da ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común).
A continuación proxectarase «O monte é noso» logo dunha introdución de Anna Turbau, fotógrafa e compañeira de Llorenç Soler.
Ás 13h terá lugar a ofrenda floral, na que intervirá un ano máis unha representación da familia Esperante. Dende a ORGACCMM e INGATECO (Instituto Galego das Terras Comunitarias), organizadores do evento, e o Concello de Mazaricos, colaborador, convídase a toda a cidadanía a participar desta homenaxe na que se recupera a memoria das persoas que loitaron por evitar a usurpación das terras comunais e por un rural vivo.