13.3 C
Santa Comba
miércoles, septiembre 4, 2024

Aprobados os orzamentos do concello da Laracha


APROBADOS POLO PLENO OS ORZAMENTOS PARA 2023, QUE ALCANZARÁN OS 9.850.000 EUROS


José Manuel López Varela destacou que as contas son reais, prudentes e cautelosas, salientando a baixa presión fiscal, o esforzo investidor, a cobertura en servizos e o plan para reactivar o comercio local que se levará a cabo no próximo ano.


22 de decembro de 2022. O Pleno aprobou hoxe con carácter inicial o límite de gasto financeiro, o cadro de persoal e os orzamentos para o exercicio 2023, que presentan un incremento do 14,30 % con respecto ao ano anterior e alcanzarán os 9.850.000 euros. As contas saíron adiante cos votos do grupo de goberno (Partido Popular) e co posicionamento en contra dos dous grupos da oposición (PSOE e BNG).


O alcalde, José Manuel López Varela agradeceu o labor do persoal adscrito ao departamento de intervención por “poder traer as contas antes do remate do ano” e adiantou que agarda que os novos presupostos “estean operativos a finais do mes de xaneiro”.


O rexedor municipal referiuse aos orzamentos como reais, prudentes e cautelosos, e concluíu apuntando que agarda “subilos a doce millóns de euros a final do ano, do mesmo xeito que se fixo co anterior exercicio”. Tamén destacou que o Concello “manterá as taxas e impostos municipais nos tipos mínimos fixados por lei”, facendo referencia especial ao IBI.
No percorrido por todos os capítulos do orzamento, o máis amplo, que se leva máis do 56 % do total dos presupostos, é o de gastos correntes, ao que o alcalde se referiu como “a base fundamental do funcionamento do Concello”.

O seu importe increméntase nun 12 % con respecto ao exercicio anterior sendo os factores principais o aumento dos prezos das fontes enerxéticas e a revisión á alza dos custes de diferentes servizos que se prestan desde o Concello -limpeza, mantemento de zonas verdes, xestión dos centros sociais, etc.-. Neste capítulo tamén se recollen partidas económicas para continuar co desenvolvemento de iniciativas de interese xeral, como son os traballos arqueolóxicos para a posta en valor do Castro de Montes Claros e os relativos á nova numeración das vivendas, tanto a dixital como a que se está levando a cabo nas parroquias. Ademais, inclúese toda a programación cultural e deportiva que se organiza directamente desde o Concello.


No apartado de protección social e promoción do emprego, ao que se destina o 23 % do total, recóllense os gastos derivados de todos os equipamentos adscritos aos servizos sociais (escola infantil, centro de día e fogar residencial, centros sociais), programas como o servizo de axuda no fogar e o Harmoniza para facilitar a conciliación, actividades para a promoción da igualdade, o fondo de emerxencia social, a achega municipal para o Plan de Transporte Metropolitano e o financiamento de iniciativas dirixidas a mellorar as capacidades profesionais dos cidadáns para facilitarlles a inserción no mercado laboral.

Como principal novidade, o alcalde apuntou que en 2023 o Concello impulsará un plan de reactivación do comercio local dotado con 40.000 euros en bonos e vales para que os cidadáns poidan financiar parte das súas compras nos establecementos do municipio.
Os orzamentos tamén destacan polo esforzo investidor, xa que 1,6 millóns de euros (o 16 %) do total, terá por destino a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.

As catro actuacións contempladas nos presupostos son a rehabilitación da antiga casa reitoral de Montemaior para convertela nunha infraestrutura moderna que funcionará como albergue xuvenil, centro de referencia para o sector primario e punto de encontro para a veciñanza, a renovación do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha, a ampliación das instalacións do punto limpo e a achega municipal para a cofinanciamento, xunto a Augas de Galicia, do proxecto de mellora da rede de abastecemento que prevé a creación dun novo depósito de cabeceira e dunha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións.


No capítulo de persoal prevese o incremento do 2,5 % das retribucións actuais, toda vez que xa se actualizaran durante o ano en curso nun 1,5 %. Por tanto, o aumento será dun total do 4 % con respecto ao ano anterior, cumpríndose así co proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado.


José Manuel López Varela concluíu a sesión plenaria felicitándose pola aprobación dos orzamentos, que permitirán ao Concello continuar prestando “cada ano máis servizos á cidadanía e de mellor calidade”.

NOTA DE PRENSA DO CONCELLO DA LARACHA

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,300SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos