Foto-Archivo
O edil non adscrito e exalcalde de Santa Comba, José Antonio Ucha Velo, presentarase por Espazo Común, a formación que preside o ex-líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez.
Así o confimou o propio Ucha, que acudiu aos estudos de Radio Xallas acompañado por Pachi Vázquez e Cristina Fajín.
“Estou onde debo de estar, onde levo 20 anos. Expulsáronme do PSOE por facer aquilo no que cría. Eu cumprín a miña palabra” declarou Ucha que tamén tivo referencias aos seus ex-compañeiros:“Non vale presentar un candidato do PP para gañar unhas eleccións desde o PSOE”. Ou “Non necesito facer fotos diante dun bache para facer mocións e chegar un pleno”.
Tamén se referiu á elección de candidatos:“Non se fixo elección. Sacan un paracidista e poñen un candidato”.
Escoita a entrevista en Radio Xallas desde o min 150
“Eu veño a cambiar as institucións”
Sobre a súa candidatura anunciou que farían “un cásting” polas parroquias para confeccionar a lista:“Nós presentámonos para gañar as eleccións e ser alternativa de verdade. Eu veño para cambiar as institucións”.
Confirmou a Fajín como “número 2” e engadiu “Quero que o pobo teña a oportunidade de elixir os mellores”.
Pachi Vázquez: “Vivimos a política e non da política”
Pola súa banda, Pachi Vázquez, tamén se mostrou moi crítico co PSOE: ”Os cimentos do que foi o PSOE están tambaleándose”. Reivindicou a Espazo Común como un movemento cidadán, socialdemócrata, galeguista e formado por xente “que vivimos a política e non da política”.
Espazo Común aspira a concorrer as vindeiras eleccións en 35 ou 40 concellos e aplaudiu a incorporación de Ucha ao que definiu como “un gran coñecedor da política local, un home de ideas e convencido”.
Inicialmente estaba prevista a presenza do concelleiro Francisco Javier González Trillo, que posiblemente liderará Espazo Común no concello de Mazaricos.