Info- AXEGA 112
Un lume nunha fábrica de madeiras en Sofán obriga a intervir aos Bombeiros de Carballo
Por fortuna, as lapas non se propagaron polas instalacións e unicamente arderon unhas táboas e serraduras que había acumuladas, véndose afectadas dúas vigas do teito.
Foi un particular quen chamou ao 112 Galicia, pasadas as 2:10 horas da madrugada, informando de que estaba a ver lume dentro dunha fábrica de madeira situada no Tarambollo, pertencente á parroquia de Sofán (Carballo). Pouco despois, o mesmo alertador indicaba que os axentes da Policía Local estaban no lugar e que, aínda que había lume, parecía que perdera boa parte da súa intensidade inicial.
Desde o 112 solicitouse a colaboración do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de xeito preventivo, da Garda Civil e dos Bombeiros, da Policía Local e de Protección Civil de Carballo.
Sobre as 2:45 horas, os Bombeiros de Carballo comunicaban que o incendio estaba controlado e descartaban que tivesen que intervir máis servizos de emerxencias. Así, finalmente arderon unhas táboas de madeira e as serraduras acumuladas debaixo dunha máquina. Ademais, víronse afectadas dúas vigas do teito da fábrica.