A CIG falaba dun 80% de seguimento e a dirección dun 20%.
A empresa XEAL asegura que a folga levada a cabo nas fábricas de Cee e Dumbría foi secundada por tan só un 20% da plantilla. Sinalan que a produción de ferroaliaxes non se viu afectada e os fornos funcionaron “con total normalidade”. Situación idéntica no que atinxe á produción hidroeléctrica.
Desde a dirección informan que “non se produciu ningún incidente de gravidade” se ben acusan ós piquetes informativos de “causar danos de forma aillada e puntual” na propiedade privada de traballadores e da empresa “que foron postos en coñecemento da autoridade competente”.
XEAL expresa o seu respecto ó dereito á folga e agradece o 80% das persoas que foron traballar.
A CIG pide que se negocie un convenio colectivo propio
As cifras non concordan coas da CIG que falaba dun seguimento dun 80%, afectando a tódalas quendas.
“A empresa ten que dar unha solución a este conflito e abandonar a súa postura antidialogante e intransixente. Iso é o que lle estamos demandando as traballadoras e os traballadores hoxe con esta folga” declaraba o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo.
Os representantes dos traballadores esixen que a empresa se sente a negociar un convenio colectivo propio.
“Estábamos dispostos a suspender a folga, pero a empresa rexeitouno. Unha demostración máis de que só lle interesa manter a produción de enerxía” engadiu Mouzo.
Tamén denunciou que a situación pode agravarse:
“Agora para afondar máis no desmantelamento das fábricas queren trasladar a grúa do porto de Brens e deixar sen servizo de práctico a ría de Corcubión, impedindo deste xeito que se poida descargar a materia prima que chega nos barcos e cargar as ferroaliaxes para a súa exportación”.
