Chamamento a unión para tentar lograr que o goberno local de Carballo, en mans do BNG desde 2003, volva a ser do PP. Foi unha das mensaxes que se poden extraer da presentación de Rubén Lorenzo como alcaldable.
Rubén Lorenzo, alternativa a un alcalde esgotado
Para a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, “fronte a un alcalde esgotado, resignado e sen ambición”, a mellor opción é a do PP que “volverá situar ao concello como cabeceira da comarca de Bergantiños, deixará como parte do pasado os proxectos obsoletos e decadentes e volverá facer medrar un municipio fundamental na provincia e en Galicia”.
Prado lamentou que o BNG reivindique en Carballo o mesmo ao que logo vota en contra no Parlamento de Galicia: “Piden máis solo industrial pero votan en contra da Lei de áreas empresariais; piden máis médicos pero votan en contra da Lei que permitiu incrementar o número de especialistas en Atención Primaria; e piden melloras no saneamento e abastecemento pero votan en contra da Lei de mellora do ciclo integral da auga”.
Diego Calvo:”Carballo é do Partido Popular”
O presidente provincial Diego Calvo lembrou os excelentes resultados que colleita o PP noutros comicios: “Temos que saír a por todas. Carballo é do Partido Popular e temos a obriga de convencer a todos os que nos votan noutros comicios de que o proxecto de Rubén Lorenzo é o mellor para poñer fin a unha etapa nacionalista que xa está caduca”.
E animou a traballar en Carballo:“A partir de agora hai que formar un equipo, remar todos na mesma dirección, presentar propostas, manter o partido activo e vivo, escoitar aos veciños e estar na rúa”.
Rubén Lorenzo criticou a política do BNG carballés
Pola súa banda reivindicou que “Carballo volva ser o que nunca debeu de deixar de ser. Un lugar con futuro, ao que a xente quere vir, unha referencia industrial da comarca e un sitio onde os veciños teñen todas as súas necesidades cubertas”
Nesta liña, o candidato popular, que insistiu na necesidade de continuar traballando dura como ata agora, fixo fincapé en que o seu proxecto pretende acabar con ese mantra que “tingue calquera acción, e calquera inacción, calquera xustificación e calquera argumento: ese mantra de conmigo ou contra min que marca a maneira de facer política do BNG en Carballo”.