A alcaldesa, Mónica Rodríguez; a técnico de Cultura, Nieves Lema; o director de AGADIC, Jacobo Sutil e Mercedes Peón, música e cantante, participaron no acto esta mañá na Casa da Cultura vimiancesa.
Hoxe deuse a coñecer o programa completo, que se desenvolverá entre xaneiro e marzo de 2023 cun concerto inaugural de Mercedes Peón o sábado 5 de novembro, acompañada de Ana Fernández e Mónica Nut nun formato especial adaptado ao patio do Castelo de Vimianzo. O programa pecharase de novo na fortaleza soneirá cun concerto especial do pianista Javier Otero acompañado de Irma Macías e a Banda Trubisquiña.
O obxectivo principal de ‘Costa da Vida’ é implicar á veciñanza en xeral, e ao tecido asociativo en particular, para a dinamización sociocultural do municipio, recuperando a vida e a cohesión social dos núcleos habitados do municipio a través da cultura e dunha visión e mensaxe positivas da nosa terra e da nosa comarca.
Trátase dun proxecto diferente que chegará a todos os estamentos da sociedade vimiancesa para converterse nun elemento vertebrador e transversal, introducindo unha intensa actividade cultural con compoñentes contemporáneos na vida cultural do municipio.
Constade 18 intervencións artísticas de primeiro nivel do panorama cultural galego, con disciplinas como a música, a narración oral, o teatro e a comedia.
Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha este programa, a través da súa propia convocatoria e subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation UE.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu o traballo “de todas as persoas implicadas en ‘Costa da Vida’, no que reside unha vontade maiúscula para levar a cultura por todo o noso territorio e a ilusión por materializalo”, e quixo destacar “o traballo da persoa que me acompaña hoxe aquí, Nieves Lema, unha das artífices de que hoxe poidamos comezar un camiño que nos ilusiona moito”, así como a “Jacobo e Mercedes, que nos acompañan aquí hoxe nun acto moi importante para nós”.