A “estrutura cistoide” do Mato Mouro é un dos tesouros que se agochan na contorna da Fervenza de Castriz, no concello de Santa Comba.
Conservada na tradición popular e agora catalogada e posta en valor grazas a persoas entusiastas como o arqueólogo Lino Gorgoso ou a ese dinámico equipo que conforman “O Son da Curuxa”, con Jorge Castelo e os seus compañeiros, esforzados en que o noso patrimonio non se converta nun abismo da memoria.
Foi un veciño, Alfredo Gómez, o que alumeou o camiño. O elemento presenta todas as características dunha cista aínda que é bastante anómala en comparación coa tipoloxía habitual deste tipo de monumento, facendo complicada a súa datación sen terlle feito unha intervención arqueolóxica. Por precaución podemos usar o termo de “estrutura cistoide” .
Está situada a uns 386 metros de altitude e a 400 metros ao leste deste noso punto de referencia (A área recreativa da Fervenza). Nesa zona hai varias mámoas, unhas catalogadas e outras desaparecidas.
Sería precisa unha escavación para poder concretar a magnitude este elemento e tamén a súa profundidade. Actualmente invadido pola vexetación.
“Unha das paredes está labrada na propia pedra, nun afloramento natural, outra podería estar chantada no sitio e a terceira é evidente que está cravada”, coméntanos Jorge Castelo.
O blogue Son da Curuxa está preparando unha ampla reportaxe sobre este suposto enterramento, que se poderá ler en breve.