As artes escénicas regresarán en novembro á capital municipal da Laracha coa nova edición dos Venres Teatrais, unha das citas culturais de referencia dentro da programación anual organizada polo Concello.
O ciclo constará de cinco das pezas máis importantes do momento no panorama galego, que se interpretarán no escenario da Casa da Cultura da Laracha en todos os casos a partir das 21:00 horas e con espectáculos dirixidos a maiores de 13 anos de idade.
Neste programa haberá comedia, drama e tamén espazo para a concienciación social con obras que, pola súa temática, están incluídas no marco do programa municipal de actividades en torno á conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que se celebra o 25 de novembro.
A función que abrirá o pano o venres 4 de novembro será O electo, unha comedia sobre a vocación política interpretada por Fernando Coronado e Antonio Mourelos e dirixida por Cándido Pazó. Un presidente de goberno que acaba de ser elixido está a piques de dar o seu discurso de investidura, pero un tic nervioso ameaza con arruinar o acto. Un psiquiatra acode para atendelo e iníciase unha divertida e incisiva batalla dialéctica entre ambos.
O venres 11 ofrecerase Tabú, un espectáculo de Carmen Conde que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos e de diferentes puntos de Galicia sobre a súa vida sexual. Trátase dun show de narración oral que ten a misión de transmitir as historias de confusión, secretismo, amor e picaresca das mulleres que son o cimento da terra galega.
O día 18, subiranse ao escenario os actores Marcos Orsi e Jouse García para protagonizar Sós dando vida a dous homes octoxenarios que se ven na obriga, polas circunstancias, de compartir piso. A obra pretende facer unha reflexión, por veces cómica e por veces máis dramática, sobre a vellez, a convivencia e a soidade que sofren moitas persoas maiores nos últimos anos de vida.
O 25 de novembro é a quenda para The Witch, de Diana Sieira. Conta a historia dunha muller acusada por bruxaría na Idade Media. Durante o espectáculo interactuará co público asistente realizando pequenos rituais a modo de xogo.
O ciclo concluirá o 2 de decembro con Miss Docet. A actriz Iria Pinheiro protagoniza esta peza de teatro documental sobre a historia de Emilia Docet, viguesa que foi coñecida como a Miss España Galeguista tras gañar ese concurso nacional de beleza no ano 1933.
En todas as funcións o acceso do público será gratuíto ata completar o aforo máximo da sala. O programa Venres Teatrais é organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Deputación da Coruña e o Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.