A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeuse a contactar coa Dirección Xeral de Costas “para pedir información e analizar posibles solucións á acumulación de area que se ven detectando de forma recorrente nos últimos anos nunha parte da praia de Laxe”.
Foi a resposta dada á exposición do tenente alcalde do concello de Laxe, Francisco Charlín, nunha xuntanza na que tamén estivo presente a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
Charlín lembrou que desde que se construíu o novo porto da localidade cada ano se acumula area na zona do espigón antigo, á beira do paseo marítimo, o que fai necesario que Costas traslade o sobrante a outras zonas da praia. Esta situación está a xerar inquedanza e malestar na veciñanza xa que, segundo dixo, a area acumulada chega a obstaculizar a visibilidade do areal desde a zona urbana.
Por outra banda, Ángeles Vázquez informoulles aos representantes municipais sobre o estado de tramitación do plan de xestión da Paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, un espazo natural de 212 hectáreas situado entre Vimianzo e Laxe, e que desde o punto de vista xeolóxico supón unha prolongación ao leste da serra da Pena Forcada.
O acordo de inicio para elaborar este documento saíu publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 11 de agosto e nestes momentos, está pendente de que se someta a memoria inicial do plan de xestión da paisaxe protexida ao procedemento de participación pública.