O ‘Berro Seco’ volve resoar con máis forza que nunca na romaría de San Fins do Castro
Cabana volveu festexar de novo a popular romaría de San Fins do Castro nunha edición que supuxo a volta á normalidade desta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, logo da pandemia.
A xornada deu comezo coa celebración de diversas homilías, dianas e alboradas. A continuación, tivo lugar unha misa solemne cantada pola coral de Cesullas nunha mañá animada coa música de O Son do Castro.
Posteriormente, o tradicional ‘berro seco’ enmudeceu durante uns intres a celebración antes de que a troula continuase co ‘Santo da Pólvora’. A sesión vermú a cargo da orquestra Magos e a interpretación do himno a San Fins ofrecida pola banda de música Eduardo Pondal puxéronlle a nota musical ao mediodía.
Pola tarde, as populares merendas ateigaron de mesas o lugar e a música de ‘Os Farrapos’ serviu para amenizar o serán, mentres que pola noite as orquestras Magos e Bomba protagonizaron a verbena.
NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS
Os festexos continuarán mañá, 2 de agosto, coa conmemoración da Nosa Señora dos Remedios. Haberá misas desde as 09.00 horas ademais de dianas e alborada e a animación musical a cargo de O Son do Castro.
Ás 13.00 haberá unha misa solemne cantada pola coral de Cesullas e a continuación sesión vermú coa orquestra Puzzle, que repetirá actuación pola noite.
Fonte-concello de Cabana de Bergantiños