13.6 C
Santa Comba
domingo, junio 4, 2023

MZFolk: intensa fin de semana en Mazaricos

Mazaricos volve organizar un evento de posta en valor e difusión da nosa cultura, música e artesanía tradicional na última fin de semana do mes de xullo. O MZFolk recolle o espírito do Festifolk celebrado en 2021 e estende as actividades ata tres días. Deste modo, o Recinto Feiral da Picota acollerá concertos, preto de trinta postos de comercio local e artesanía, obradoiros e demostracións en vivo de artesanía, xogos infantís tradicionais e moito máis entre a tarde do venres 29 e o domingo 31.


Un dos pratos fortes dese MZFolk será a actuación de Mercedes Peón, unha das voces máis recoñecibles da música galega. O seu espectáculo ‘Déixaas’, de estilo folk-trad, confirma á artista como referente internacional da música de raíz e xenuina. O espectáculo amplía o seu universo creativo, combinando artesanía musical e vangarda creativa, sumando á base tradicional espazos acústicos modernos. Esta obra, onde colaboran Mónica de Nut e Ana Fernández, confirma a madurez creativa e compositiva de Mercedes Peón. A actuación terá lugar ás 23h do sábado 30 no mesmo espazo do MZFolk, con entrada libre.

Tres días e un intenso programa de actividades


O MZFolk aposta por ampliar as celebracións e ofertar tres días cheos de contido para todas as persoas que se acheguen á Picota. O venres 29 de xullo terá lugar a inauguración ás 18h cunha merenda de balde de petiscos e refrescos para todas as e os asistentes. Haberá actuacións con instrumentos tradicionais, xogos para os máis pequenos, e por suposto postos de artesanía e comercio local, que se manterán durante o sábado e domingo.
O sábado 30, o Recinto Feiral abrirá as súas portas ás 10h. Igual que no día anterior, haberá postos comerciais e xogos para a rapazada, así como demostracións en vivo de artesanía. Ás 13h terá lugar unha degustación de carne de Mazaricos a cargo do Asador Manduca.


Pola tarde, dende as 16h, haberá obradoiros gratuítos de artesanía de trenzado de palla (Trenzarte), cerámica con Feituras Buño e diversos materiais de Como pez en el agua. Ademais, habilitaranse food trucks e unha cantina para a venda de comida e bebida. Aínda que os distintos postos da feira pecharán as súas actividades ás 21h, o MZFolk continúa e ás 23h terá lugar o concerto de Mercedes Peón.

Mercedes Peón actua no MZFolk


O domingo 31 o MZFolk volverá dar comezo ás 10h da mañá, novamente con postos de comercio local e artesanía, demostracións en directo e xogos infantís durante toda a mañá. A Charanga Mecánica amenizará a festa entre as 12h e as 14h. Pola tarde, desde as 16h, haberá inchables e xogos tradicionais de madeira para as nenas e nenos. Como o día anterior, habilitarase un servizo de cantina e foodtrucks. A última hora sortearanse tres xamóns entre as persoas que depositen as rifas que xa se están distribuíndo no comercio local mazaricán, e que tamén se repartirán nos postos comerciais durante todo o MZFolk.

Unha decoración con encanto tradicional


O MZFolk pretende reivindicar toda a forza e a memoria do mundo tradicional mazaricán e galego. A decoración foi feita con mimo e esforzo por parte das rapazas e rapaces participantes nos obradoiros de manualidades que organiza o Concello para homenaxear o mundo rural. Haberá enfeites con estes motivos por todo o recinto, incluíndo medas, apeiros de labranzas, teas e madeira. Ademais, colocarase un photocall onde as persoas visitantes poderán fotografarse simulando portar traxes tradicionais.


O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín, celebrou a posibilidade de “un ano máis ter a oportunidade de pasar unha fin de semana disfrutando da nosa música e da nosa cultura e apoiando o comercio local”. Pola súa banda, a edil de Cultura, Sandra Alvite, valorou moi positivamente a programación deste ano e o feito de que “Mazaricos vaia acoller unha das voces máis potentes da nosa música tradicional, pero tamén da innovación feita en Galicia” como é o caso de Mercedes Peón.

NOTA DE PRENSA DO CONCELLO DE MAZARICOS

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,843SeguidoresSeguir
1,130SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos