O proxecto “Arrólame paseniño, arrólame un pouquiño» , impulsado polo C.E.I.P. plurilingüe “Barrie de la Maza” de Santa Comba foi recoñecido co primeiro premio de Innovación Educativa en dinamización lingüística 2021-2022 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Arrólame paseniño, arrólame un poquiño
É un dos cinco proxectos considerados como “excelentes”. Cada un destes proxectos recibirá unha dotación económica de 2.000 euros, así como unha certificación de “Primeiro Premio de Innovación Educativa” para os profesores participantes, alén de apoio e asesoramento no seu desenvolvemento e a difusión a través da web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A nova foi recibida con moita ilusión na comunidade educativa do centro xalleiro.
O pasado 5 de xullo, Olaia Novo, Yolanda Guerrero e Beni Suárez facían balance en Radio Xallas deste proxecto (accede nesta ligazón- Minuto 27) que resultou un auténtico éxito e unha experiencia emocionante e estimulante para todas as persoas que formaron parte do mesmo.
Na emisora pública do concello de Santa Comba estiveron en varias ocasións. Nunha ocasión, a coordinadora do proxecto, Olaia Novo estivo acompañada pola directora do centro, Dolores Nieto e por dúas traballadoras, Esther García e Graciela Gomes.
Noutro programa, xunto con Novo e Nieto estivo Beni Suárez e os alumnos Leo Couso Prol e Lívia Rodríguez de Anunciaçao.
Incluso se celebrou unha xornada con mulleres rurais e emitiuse un programa desde a radio escolar «Barrié nas ondas».
Desde Adiante Galicia queremos parabenizar a todas as persoas que tiveron algo que ver nesta estupenda iniciativa.