Informa- AXEGA 112
A saída de vía dunha furgoneta na AG-55, ao paso por Zas, mobiliza aos Bombeiros de Santa Comba para liberar ao condutor, que estaba nunha situación complexa.
Os efectivos de salvamento deberon inmobilizar primeiro o brazo do afectado para poder sacalo do vehículo cun taboleiro espinal.
Todo ocorreu á unha desta tarde, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para solicitar asistencia urxente debido á situación na que se atopaba o ocupante da furgoneta, co brazo bastante danado. Así, activáronse os protocolos necesarios para organizar un operativo, que contou coa participación dos Bombeiros de Santa Comba.
A súa misión era sacar o ferido do vehículo co brazo inmobilizado a causa das importantes lesións que presentaba. Sen embargo, e malia a posición na quedou o vehículo, puideron extraer o ferido cun taboleiro espinal sen a necesidade de cortar os ferros da furgoneta.
No mesmo lugar do accidente estaba preparado un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que acudiu a bordo do helicóptero con base en Santiago. De feito, para facilitar as manobras de despegue da aeronave, deberon suspender a tirada de bombas de palenque con motivo das festas locais da zona. Para que así fose, desde o 112 Galicia, avisouse ás autoridades municipais.
Co fin de ofrecer apoio ao operativo, tamén se mobilizaron os voluntarios de Protección Civil da localidade, e contouse coa colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.