Este 15 de xuño cumpríronse tres anos da constitución dos corporación despois das eleccións de 2019. Aquel día en Santa Comba resultou investido David Barbeira García. Pasaron moitas cousas desde entón.
E delas falou o concelleiro de Compromiso en Radio Xallas. “Sigo pensando que fai falta un cambio en Santa Comba”. Enlace entrevista – Desde minuto 61
Barbeira:”Non me arrepinto de nada”
Posto o retrovisor lembra que “aquelas negociacións xa foron un espectáculo e escandalosas. Viviuse un auténtico calvario pola actitude incontrolable do señor Ucha ó que non lle interesou a coalición desde un principio”.
Recoñece que “a coalición foi un desastre” pero defende a súa xestión:“Non me arrepinto de nada, volvería a facer o mesmo. Son máis grandes as gañas de cambio que calquera capricho”.
“Gastan unha salvaxada en prensa e asesores”
Fai un ano que Barbeira foi desbancado nunha moción de censura, accedendo ao goberno a lista más votada.
O balance que fai é moi negativo:“Só hai xestión de prensa e de asesores. É unha salvaxada de cartos os que se están gastando en prensa para vender o seu goberno. Pero a xestión é 0. Nin se traballa nas aldeas, nin no casco urbano. Nin hai respecto nos plenos”.
Denuncia que non hai democracia e “estamos coma nos anos 60” e en contraposición ao goberno local sitúa ao alcalde de Mazaricos, Juan Blanco “que foi capaz de unir a un pobo”. Considera que este é un exemplo.
As prioridades de Santa Comba
Recriminou a falta de avances en temas concretos:”O da estrada de Santiago xa rechía nos ouvidos. Sempre se fala dela e non se nada”.
Para Barbeira o solo industrial, un Centro de Día, e a mellora das comunicacións coa Coruña e Santiago son prioridades, nas que o actual goberno non concretou nada.
Considera que hai posibilidades:”Todo o que gastan en prensa e asesores daría para un Centro de Día”.Tamén critica ao goberno galego:”A Xunta ten a Santa Comba olvidada. Non lle importa nada”.
David Barbeira volverá a presentarse
“Teño a mesma ilusión que o primeiro día e cun pouco máis de experiencia. Voume a presentar e xa teño un equipo que está traballando para empezar a visitar ós veciños” adiantou en Radio Xallas.
Asegura que hai un descontento xeral en Santa Comba co actual goberno:“Hai unha alta porcentaxe de xente que está moi cabreada. Non aceptaron a moción de censura. Non tiña xustificación”.
Criticou ao goberno do PP, falou de gravacións de conversas privadas e afirmou ter recibido “coaccións grandísimas”.
Pensa que as “ansias de poder” fixeron que a moción de censura “xa estivera arreglada antes da Semana Santa”.