O concello de Santa Comba publicou o primeiro número dunha revista municipal chamada “Veciñanza”. Nas 16 páxinas a cor da publicación hai un artigo da alcaldesa de Santa Comba, María Pose que afirma que en Santa Comba “fanse moitas cousas” e que o seu goberno segue a traballar “co despacho aberto para recibir a todos os veciños que precisen algo do concello”.
Tamén hai espazos para os outros grupos con representación: ”Levamos anos escoitando promesas que non se materializan” afirma o portavoz socialista, Carlos Turnes, mentras que David Barbeira(Compromiso) declara:”Vexo Santa Comba igual que hai vinte anos¨. E o artigo referido ao non adscrito José Antonio Ucha conta con este titular: ”Como todo o rural, estamos en retroceso”.
Outros artigos de Veciñanza
Neste número de Veciñanza hai artigos sobre o 150 aniversario do nacemento do poeta de Varilongo, Pepe de Xan Baña, sobre a implantación do contedor marrón, a presentación do Plan de Saúde Local, ou o XallasL@b. Infórmase sobre unha xuntanza da alcaldesa María Pose co Presidente Núñez Feijóo e do apoio do concello a candidatura de Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias.
Tamén hai artigos sobre a xuntanza do BNI Aco Dolmen, a Poxa de Xovencas, ou a nova imaxe municipal que foi presentada nun acto na Casa do Pozo.
Este número conclúe cunha semblanza de Pedro Barrié de la Maza, un artigo sobre o paso da Volta o Gran Camiño, a Clásica Gandeira e un texto sobre “San Pedro de Cícere, o mellor barroco do Xallas”.