Este xoves falecía ós 93 anos de idade Manuel Boo Calvo. Un xalleiro comprometido coa cultura popular. Está sendo velado no Tanatorio Carracedo de Santa Comba (Sala 1).
O enterro será este sábado 11 de xuño. Ás 10,45 h da mañá sairá do Tanatorio celebrándose o funeral e o sepelio na igrexa e no cemiterio parroquial de San Xoán de Grixoa.
Manuel Boo Calvo gaiteiro, artesán e boa persoa
Manuel Boo Calvo “O Achiso” foi zapateiro de oficio, pero era un apaixoado da gaita. Aprendiu a tocar pero tamén iniciouse como artesán. Primeiro con torno feito por el mesmo. Na música iniciouse cos “Uchas”, unha estirpe de músico xalleiros e na construción de instrumentos formouse en Pontevedra cuns artesáns moi coñecidos que acabarían formando a Orquestra Poceiro.
E segundo acreditan distintas fontes fixo gaitas de calidade, primeiro acordes coa época e logo apostando pola evolución. Pasou de elaborar punteiros para toque pechado a os de toque aberto, polas necesidades dos gaiteiros. Profesional, traballador, afable, humilde e honesto. Así é como definen a Manuel Boo.
Veciños de Grixoa e Pablo Seoane
Desde a asociación de veciños de San Xoán de Grixoa expresaron as súas condolencias nun “día moi triste” e louvaron o traballo deste veciño:”Perdemos a conta da cantidade de gaitas que naceron da labor das súas mans.Déixanos orfos da artesanía de vello, do facer amodiño e con cariño”. Refírense a él como “unha gran persoas e un mellor profesional do seu”.
O mestre gaiteiro, Pablo Seoane, que leva máis de dúas décadas vencellado á comarca xalleira sinalou que estamos diante do último artesán de gaitas que quedaba en Santa Comba. Destacou tamén o seu manexo da gaita e o feito de ser “unha gran persoa”.
Foto- Pablo Seoane- Homenaxe que lle fixeron os Santacombers ao Señor Boo