// As obras do POS+21 de Santa Comba están en proceso de licitación //
Ata o vindeiro 21 de xuño está aberto o prazo para presentar ofertas para cinco obras do POS+21 aprobado polo concello de Santa Comba con financiamento da Deputación que inviste 800.774,77 euros.
En San Salvador
Un dos proxectos refírese a mellora da pavimentación e sinalización no lugar de San Salvador, cun orzamento de 358.971,17 euros. A actuación inclúe o asfaltado do vial, a realización dun drenaxe soterrado e saneo do firme en zonas con fochancas de gran consideración e, por último, a mellora do pavimento dunha senda existente que conta con 365 metros de lonxitude e 2 metros de ancho.
Fontecada, Alón e Freixeiro
Tamén se mellorará o pavimento da vía que conecta Fontecada e Alón (197.015,12 euros), e a renovación do firme na estrada entre Abuín e Freixeiro así como a reparación da vía que vai desde Portochán e fai límite co Val do Dubra (144.811,20 euros).
En canto á mellora de equipamentos, destínanse 61.380,28 euros para a execución dunha cuberta na pista de pádel municipal que permita ampliar o seu uso durante todo o ano e finánciase con 38.597,28 euros o proxecto para a reforma e mellora da cuberta no centro de formación ‘Escola Obradoiro’, no que se substituirán as actuais pranchas de fibrocemento de dous dos catro faldróns que forman a cuberta por paneis sándwich de aceiro prelacado.