O presidente do comité de empresa de XEAL, Alfonso Mouzo, avanzou o pasado dez de maio a presentación dunha denuncia por vía penal pola compra-venda de Ferroatlántica.
“Fixemos varios requirimentos por vía administrativa e a Xunta non respondeu, e non nós queda máis remedio que poñer unha demanda no penal, que xa estamos ultimando. Vai dirixida a compradores e vendedores e a Xunta por non facer os deberes como administración e mirar para outro lado” declarou Mouzo no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas.
Agora acaba de confirmarse a presentación desta denuncia penal contra a directora de Augas de Galicia(Xunta), o conselleiro delegado do grupo Ferroatlántica, os administradores de Ithaka Partners e o apoderado de XEAL “por posíbeis delitos de prevaricación por omisión, delito de prevaricación polo ditado dunha resolución inxusta e por un delito contra os traballadores”.
«Operación argallada entre Ferroatlántica e Sixth Street Partners»
O comité acordou iniciar esta vía “ante a pasividade reiterada da Xunta de Galiza para requirirlle á empresa que cumpra coas cláusulas esenciais das concesións hidroeléctricas e as diferentes sentenzas xudiciais que avalan a vinculación das actividades enerxética e de produción de ferroaliaxes.”.
Na denuncia solicítase do xulgado de instrución que abra as dilixencias de investigación oportunas para esclarecer a legalidade do operación de compra-venda “argallada entre Ferroatlántica e o fondo Sixth Street Partners, así como das resolucións emitidas polo ente público Augas de Galiza a este respecto, posto que é o órgano competente para velar polo respecto ás cláusulas e decretar o rescate das concesións en caso de incumprimento.