O chef xalleiro, Aurelio Vázquez Fachal, ofrecerá un showcooking baseado na carne, no evento “ Muuuuita Festa” que se celebrará este próximo domingo 5 de xuño en Santa Comba.
“Paréceme unha grandísima idea. Hai que ter en conta que somos o terceiro concello en número de vacas. É unha boa iniciativa e algo que deberíamos potenciar moitísimo” opina.
Nunha entrevista en Radio Xallas valorou esta actividade do concello de Santa Comba:”É unha iniciativa espectacular porque estamos nunha zona na que temosmoito potencial en carne e leite. Diría que somos os mellores de Europa e esta é unha maneira de potencia-lo noso, de facer patria”.
Entrevista a Aurelio Vázquez en Radio Xallas- Desde minuto 29
“O corte da carne”
Vázquez tamén falou do produto que ocupará a súa intervención:“Falarei da carne, de distintos cortes, das preparacións”. Sobre esta cuestión sinalou:“Hai varios tipos de corte e varios tipos de carnes dentro da mesma res. E todas teñen a súa forma de elaborarse. É moi importante por que unha peza pode quedar seca ou dura, se non se corta ben”.
Todo ten o seu truco como conta Aurelio Vázquez:
“Non se trata de tirar todo enriba dunha parrilla. Cada peza ten as súas características. Non é o mesmo facer un chuletón que un solomillo. Unha croca que picaña. Ou facer un churrasco ou un entrecot. Todo ten a súa diferencia.É complicado pero bonito”.
Aurelio Vázquez, entre pucheiros
Representa a terceira xeración dun establecemento histórico e distinguido pola súa calidade, o restaurante “Casa Aurelio”. Preto de oitenta anos sendo unha referencia gastronómica:”Nacín entre pucheiros” recoñece o chef.
Segundo contou en Radio Xallas, en Casa Aurelio teñen moita demanda pratos como a robaliza ou o polbo con ameixas, aínda que a carta é ampla e os gustos variados.
Tamén as carnes.”Sobre todo chuletón, chuleta ou solomillo. A maioría da xente pídeo pouco feito. Eu tamén o prefiro pouco pasado pero isto non significa que sexa o mellor”.
O hostaleiro xalleiro é un dos socios do “Espacio Gastronómico DeLito”, situado na rúa de San Pedro, 26 en Santiago de Compostela.