A representante da Costa da Morte no concurso “Recantos” do programa Luar da Televisión de Galicia, Ara Nieto, actúa esta noite de venres 27 de maio xunto coa recanteira da Terra Chá, Marta Pacín.
Horas antes da súa actuación (interpretará un tema en solitario e outro a dúo coa súa compañeira), a artista participou no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas.
O soño de Ara Nieto
Volveu a agradecer toda a axuda recibida que permite “poder seguir vivindo este soño”, e solicitar unha nova vaga de apoios para esta noite.
A última vez que actuou no concurso compartiu escenario con Jennifer Cambón. E as dúas protagonizaron un fantástico dueto con “Muller contra muller” que recibiu os parabéns do xurado:“Foi un dueto espectacular.Creo que soubemos fusionarnos ben as dúas”.
Ara Nieto confesou:“Cada fase que avanza penso que paso máis nervos”. E tamén que “Eu xa me sinto gañadora por chegar onde cheguei. Estou eternamente agradecida por toda a xente que me está apoiando”.
Segue adiante a artista de Mazaricos e vocalista da Orquesta Principal amosando o seu arte.
Escoita a entrevista en Radio Xallas- Desde o minuto 26